viernes, 15 de julio de 2016

Colección de iconas rusas no Museo das Peregrinacións de Santiago de Compostela (A Coruña, Galicia)


Case trescentas pezas de iconas rusas descansan desde onte en Praterías. Trátase da mellor colección destas características existente a día de hoxe na Península Ibérica. A colección Santos Illueca está composta por 280 pezas, realizadas entre os séculos XV e XX, cun acabado de gran calidade técnica e artística, vinculada ás distintas escolas que traballaron xunto á igrexa ortodoxa rusa e que proceden dos distintos países que conformaban o antigo bloque soviético.

A mostra quedou onte inaugurada coa presenza do director do Museo das Peregrinacións, Bieito Pérez; e o comisario da exposición, Xoel Rodríguez Martínez, ademais de autoridades locais e autonómicas.

As iconas rusas recollen unha tradición secular, sendo a evolución do tipo de representación iconográfica que se inspira directamente nos arquetipos creados no mundo bizantino, tal e como explican os responsables da mostra.

O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, destacou o «excepcional e única» que resulta a exposición e o seu «valor incalculable», tanto pola súa temática como pola variedade que atesouran todas as obras presentes no Museo das Peregrinacións.